venres, 20 de marzo de 2020

Pito Galego. Método practico [CAIM GAITA]

Querovos recomendar este traballo de Moisés Quintas, un método práctico en formato libro e web, para o aprendizaxe deste maravilloso instrumento que é o Pito pastoríl galego.
As fotos que ilustran esta entrada corresponden á presentación do mesmo na nosa escola, en outubro de 2015.



Pito Galego: Método Práctico

Un libro e unha web forman o proxecto “Pito Galego”.
Nos dous formatos complementarios, fálase da orixe e evolución do instrumento e faise un estudo riguroso dos distintos pitos. Adxúntanse fotografías, máis de 250 gravacións de audio, máis de 200 exercicios progresivos, técnica, articulación, afinación, respiración… máis de 50 melodías tradicionais galegas (Alalás, Alboradas, Muiñeiras, Pandeiradas …) ordenadas por grao de dificultade, un obradoiro para construír o teu propio Pito de cana e moito máis… Son as palabras do mestre artesán Antón Corral as que abren este método, unha das persoas máis relevantes no mundo da Música Tradicional Galega, e a quen, sen dúbida, debemos a recuperación e perfeccionamento do Pito Galego.






Moisés Quintas:
Afeccionado á música dende neno, estuda guitarra e frauta traveseira nos conservatorios de Ourense, Cádiz e Vigo. É compoñente e membro fundador de distintas formacións musicais como Arco da Vella ou Trasmundi, coas que edita varios traballos discográficos. Tamén como frautista e guitarrista ten colaborado e gravado con distintos grupos folk como: Xeque Mate, Malvela ou Tino Baz. No ano 2011 coa editorial Ouvirmos publica a "Guía Didáctica de Instrumentos Galegos", un libro-CD con audio e pista interactiva en formato web, que presenta unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos e as súas partes, coa súa etimoloxía, orixe e evolución. En maio de 2015 publica un método online en formato web para a aprendizaxe do Pito Galego con fotografías, audios, exercicios progresivos e máis de 50 melodías tradicionais galegas, recentemente editado en libro pola Editorial Ouvirmos

Na actualidade compaxina a súa profesión de docente na área de Educación Musical con seminarios, recollida de música tradicional, concertos, composición e arranxos musicais, ao tempo que desenvolve traballos didácticos sobre distintos instrumentos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!