Hoxe imos coñecer un pouco a Ricardo Portela, gaiteiro de Viascón, un home adicado en corpo, alma e corazón á gaita.
Eu tiven a gran sorte de coñecelo nos derradeiros anos da súa vida, mesmo de tocar con él, e pódovos dicir que non era un home calquera, destilaba por tódolos seus poros honestidade, empatía, solidariedade, etc. en definitiva: un bó e xeneroso.
Sen máis deixovos unha mini biografía, e logo un video co programa íntegro da TVG ALALÁ, adicado a él.
Seu pai xa era gaiteiro e acordeonista. Tiña tres irmáns, Alba e Xesús e Xosé, estes últimos tamén músicos. Con 12 anos mudouse coa súa familia a Vigo, onde recibiu clases de gaita de Xosé Oliveira Blanco, O Moreno de Lavadores. Coa chegada da guerra civil o seu mestre marchou á fronte, e o pai de Ricardo foi ameazado de morte polos falanxistas.
En 1939 incorporouse ao servizo militar, e pasou polos cuarteis de Vigo, Lleida, A Coruña, Tàrrega, Mataró (onde lle roubaron a gaita), Granollers, outra vez Mataró, e Pontevedra. Rematou o servizo en 1945. En 1944 casara con Osita Laredo, coa que tivo á súa filla Rosa. Máis tarde mudáronse a Lugo.
Tras 13 anos sen tocar a gaita, ao non atopar unha de calidade similar á que lle roubaran, coñeceu o vigués Antonio Fernández, que tiña unhas de ébano que pertenceran a Faustino Santalices. Por mediación de Antonio Fernández, Portela coñeceu un artesán de Lugo que seguía as directrices de Santalices, encargándolle dúas gaitas afinadas en dó.
En 1955 emigrou a Venezuela, onde fundou a Escola de Gaita do Lar Galego de Caracas. Ao regreso en 1959 estableceuse en Pontevedra como protésico dental e posteriormente como celador no Hospital de Montecelo.
En 1979 escoitou unha gaita feita por Xosé Seivane que lle lembrou á que lle roubaran. Con esa e as outras dúas gravou o seu legado musical. O seu primeiro disco, de 1968, xunto co seu irmán Xesús e tres percusionistas vigueses. En 1980 aparece Festa en Viascón, co que se faría moi coñecido nos círculos gaiteiros. Portela chegou a tocar na Universidade de Santiago, por iniciativa de Filgueira Valverde no ano 1985. Interviu en Instrumentos musicais galegos (Sonifolk, 1997), un CD dobre con finalidade didáctica, onde interpreta, con gaita en do brillante, a "Muiñeira de Sampaio" acompañado por Wenceslao Cabezas del Toro, Polo, na pandeireta. O seu último disco, Alborada en Cotobade, apareceu no ano 1990.
Nos últimos anos sufriu unha anxina de peito, e os médicos recomendáronlle que deixase a música. Os seus amigos idearon un sistema para facilitarlle o sopro, e seguiu tocando decotío. Malia que tiña dito que quería morrer tocando a gaita, non puido ser. Faleceu dun ataque ao corazón.
Ricardo Portela está considerado como un dos grandes gaiteiros tradicionais, e foi un gran defensor da dignidade do instrumento ao manterse afastado dos círculos oficiais que o relegaban a instrumento para amenización e exhibición patriótica, como curiosidade exótica, pintoresca, dun indixenismo inocuo.
Bibliografía:
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!