venres, 20 de marzo de 2020

O Oficio de Bibliotecario [BIBLIOTECA]

Pensei que este documental de RTVE podía interesar a todas as persoas que gozan dos libros e das bibliotecas. No seu momento o programa Os Oficios da Cultura visitou a Biblioteca Nacional de España para coñecer de primeira man o traballo de catalogación e custodia dos documentos que forman parte do noso patrimonio cultural e histórico.

Salvando as distancias, o proceso técnico dos documentos desde que estes entran na biblioteca ata que se poñen ao dispor dos usuarios é o mesmo independentemente do centro, este inclúe un conxunto de tarefas que hai que realizar sobre os distintos materiais. En orde cronolóxica as tarefas que compoñen o proceso técnico son: o rexistro, a selaxe, a catalogación, a clasificación, o etiquetado e a colocación nos estantes. 
Este documental descóbrenos guiados por Mar Hernández, directora de Proceso Técnico da BNE, o traballo que se fai para arquivar millóns de documentos de todo tipo que se gardan na Biblioteca Nacional de España. Veremos os procesos de arquivo e clasificación do material que chega diariamente a este organismo e que inclúe desde libros, mapas, partituras… a cds ou carteis.
Na actualidade a Biblioteca Nacional recibe para a súa catalogación e custodia dous exemplares de cada un dos documentos que se publican en calquera soporte. Millóns de orixinais que se almacenan coidadosamente nas súas dependencias de Madrid e Alcalá de Henares.

  

Especialmente dedicado aqueles que pensan que o traballo dos bibliotecarios/as consiste en ler libros e logo colocalos nos estantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!