mércores, 25 de marzo de 2020

Colar con materiais reciclados ou cotiás e unións con remache - III !!! [OURIVARÍA]

PARTE III
Neste artigo imos tratar en primeiro lugar a creación dun colar feito con plásticos e fío de latón empregando como sistema de unión o remache;
de segundo, a explicación de como se realiza un remache básico;
como terceiro, máis colares feitos polos alumnos aos que agradezo a súa participación e creatividade,
e por último un video sobre o procedemento de remachado.

Continuando coa creación dun colar feito con material de reciclaxe ou cotiá vou aproveitar e abordar as unións en frío de distintos materiais e en concreto o remache.

Partimos dunha proposta inicial  AQUÍ

e as primeiras creacións AQUÍ

Este é o colar que creei, en el empreguei plásticos de distintos envases, que coa axuda da chama dunha vela modelei xerando os distintos volumes




Unha vez contruídas as distintas pezas plásticas, xa pensando que as ía unir por medio de remaches feitos con fío de latón, elaborei con ese fio dous elementos ondulantes para compensar a composición e aportar elementos de liña e unha estructura máis firme. 


Este colar non necesita peche nin articulación pois a flexibilidade dos distintos elementos plásticos permiten poñelo e sacalo fácilmente recuperando a súa forma orixinal.
  


Para unir os distintos elementos empreguei o remache
que é un sistema mecánico de unión moi antigo anterior á invención da soldadura. 
Con este sistema podemos unir metal con distintos materiais que non admiten o emprego da soldadura. 

Consiste en introducir un perno de metal recocido nos buratos pasantes dos elementos a unir, 
e, basándonos na transformación en frío do metal, golpeando co martelo na cabeza do perno provocar o estiramento do metal, logrando o bloqueo dos dous elementos. 
Esté sistema é básico para a construción de bisagras, ou outros elementos articulados. 


Neste caso furei os distintos elementos cunha broca de 1,2mm empregando un berbequí de man.  Nalgúns dos elementos plásticos tamén furei cunha agulla quente para facer uns furados maiores e introducir pernos de maior grosor. O fío empregado para os remaches foi de 1,2mm , 1,5mm e 2mm. 



Antes de comezar a remachar pódese preparar unha das cabezas para que ao introducir faga tope nun lado. Para iso empregamos o alicate, o tas e o martelo de xoieiro. 
Procedemos apoiandonos no tas, e percutindo sobre o perno coa cabeza estreita para que o metal se expanda.


Unha vez feita unha das cabezas, introducimos o perno comprobando que fai tope, e cortamos deixando 1mm aproximadamente; se deixades moi longo o perno tende a quedar torto, hai que intentar deixar o metal xusto. 

perno antes de ser cortado
O seguinte paso será remachar a outra cabeza, primeiro coa cabeza estreita do martelo apoiando ben sobre o tas,  a seguir damos a volta á peza e remachamos o outro lado un pouco máis.



Por último golpeamos coa outra cabeza do martelo que é lixeiramente curva e vai deixar o remache ben liso. 



Os remaches tamén poden facerse cun tubo; nese caso golpearíamos cun martelo de bola ou cun embutidor. Como exemplo disto inclúo un video no que remachan un tubo na bisagra dunha pulseira. 

O resultado aquí o tendes




De seguido tendes máis colares feitos polos alumnos neste tempo de confinamento.

Colar de Olalla Vázquez feito con tapóns azuis de deterxente cosidos con fío azul e tira de coiro branca



Colar de Matusa León creado con dúas redes de plástico de distintas cores que se empregan en adornos florais cosidas entre si e unha cuncha recollida na praia. 

Conxunto de Aba Merino realizado con fío de metal e plumas tinguidas de azul.




Colar de Pilar Souto feito con tapóns e plásticos de distintos envases
Colar feito por Jesús M. Díaz feito con cápsulas de café e dous tipos de cadeas



En todos estes exercicios aprendemos a resolver problemas de deseño, composición, cor, posibilidades dos distintos materiais, problemas constructivos, mecánicos e técnicos.
Noraboa a todos os alumnos colaboradores!! Grazas!!



Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!