xoves, 7 de maio de 2020

Oteiza a desocupación da forma (parte 3) [TALLA E ESCULTURA]

CONSTRUCIÓN - DECONSTRUCIÓN - CONSTRUCIÓN
Proxecto para a realización dunha escultura

Fotografía de El País, Joan Sánchez
Neste novo proxecto que vos propoño hoxe, imos meternos na pel do escultor que estamos a revisar nesta semana e imos traballar coa forma e o baleiro. Conceptos fundamentais na súa obra como explico máis abaixo.
A partir da construción de formas xeométricas simples como o cubo ou o prisma teremos que realizar unha escultura, tendo en conta e pensando no baleiro interior, nese espazo oculto que debemos pensar e descubrir. Poñendo en práctica a famosa Unidade Malevich que Oteiza empregaba na construción das súas caixas baleiras.

ELEMENTOS CLAVES NA OBRA ESCULTÓRICA DE OTEIZA

Oteiza está considerado un dos escultores pioneiros da escultura abstracta en España. Ademais de escultor foi unha teórico da arte polas súas reflexións arredor do espazo ocupado e baleirado. Para el a ocupación do espazo debe darse pola ocupación das formas liviás, dinámicas e abertas e non pola desocupación física dunha masa. As figuras xeométricas que constitúen o seu vocabulario escultórico son o cilindro, a esfera e o cubo. A partir destas formas desenvolverá un extenso labor de investigación plástica e espacial.

A CAIXA BALEIRA

Como xa comentamos na anterior entrada ao blog é a partir dos anos 50 cando Oteiza comeza a realizar construcións partindo de elementos planos. Estes elementos configúranse, a partir da súa unidade básica de traballo, a Unidade  Malevich. Esta unidade non é outra cousa que un  trapecio, desde o cal xera toda unha serie de variantes modificando a figura e xogando coa súa forma.

A caixa baleira esta composta por seis cadrados aos que lles falta unha porción equivalente a un  trapecio, é dicir, a unha Unidade Malevich. Ao observar esta unidade vemos que se lle substraeu unha parte do seu material dando lugar a unha forma equivalente, trátase dunha visión negativa-positiva da unidade de orixe. Esta substracción de material dá orixe a un cubo aberto en cuxo interior se establece un espazo baleiro e estático. Este espazo interior é o verdadeiro "material escultórico" segundo  Oteiza.



Exemplos da Unidade Malevich
O concepto sen masa ten significados distintos para  Oteiza, O baleiro e a Nada. Baleiro dende un punto de vista físico é un espazo carente de materia tanxible, pero ao contrario o baleiro como Nada adquire un valor espiritual, o espazo baleiro é o espazo sacro.

QUE IMOS FACER?

1- Materiais cos que imos traballar:

Cartón, caixas de cartón, bricks de leite...
cartolinas, brancas, negras, cores...
pintura acrílica, cores
cúter
cola
escuadro, cartabón

2. Con estes materiais construiremos as nosas caixas, a partir do estudo previo do plano, e decidindo o corte que imos establecer, a Unidade  Malevich, pensando no espazo baleiro que queremos obter.

3. Os lados poden combinar cor se o cremos  necesario e nos parece que debemos resaltar o módulo co que estamos a traballar, ou mesmo materiais, podemos combinar cartón con cartolina por exemplo.

4. Propóñovos o exercício, e a partir de aí podedes xogar como vos apeteza coa forma e as distintas posibilidades do proxecto, encendede a creatividade:

Tendo como referente as Unidades Malevich recortaremos trapecios similares en distintas cartolinas ou cartóns. Unha vez recortadas podemos xogar construíndo novas formas no espazo, estudando o concepto sen masa; podédelas pegar sobre un cartón ou cartón pluma para darlles resistencia e corpo á forma. Neste paso fixarvos que pasaredes da bi á  tridimensionalidade. A partir de aquí construiredes as vosas propias formas no espazo, xogando cos conceptos baleiro e masa. Podedes realizar tantos como queirades. Este exercicio ademais de desenvolver a nosa creatividade fomenta a nosa capacidade espacial e fixa conceptos a  ter en conta como o aire na escultura. Estamos a traballar coa masa, o baleiro e o aire, conceptos fundamentais cando traballamos a escultura independentemente da técnica ou o material que utilicemos.

Animarvos a participar!!!!

Estas son as miñas propostas


Reflexionando sobre o Domus

Distintas miradas dende a xanela

2 comentarios:

  1. Me parece un gran paso como reto y me pondré con ello,gracias Rosa,nos haces descubrir más de lo que me esperaba en el curso

    ResponderEliminar
  2. genial que te apetezca participar!!!

    ResponderEliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!