As colas animais foron o adhesivo empregado durante miles de anos antes do descubrimento de pegamentos sintéticos.
As máis comúns obtéñense do cocemento prolongado de diversas partes animais, en especial, peles, osos, pezuñas e outros despoxos. Trocéanse e lávanse e ponse en auga ó lume, eliminando a escuma que vai aparecendo. Logo dun tempo fórmase unha pasta xelatinosa que se filtra e deixase secar ata que se solidifica e logo pulverízase, fórmanse escamas, perlas ou placas para a súa conservación. Hai diversos tipos segundo o tipo de animal empregado ou a parte utilizada na súa elaboración. As colas comerciais adoitan estar suxeitas a outros procesos de depuración.
Xeralmente estas colas prepáranse para o seu uso cubríndoas de auga durante un intre e a continuación disolvéndoas en auga quente ó baño María, para o cal se emprega un recipiente que se introduce noutro maior cheo de auga quentándose ó lume, de xeito que o primeiro non toque as paredes do segundo. A proporción cola-auga dependerá da forza que desexemos que adquira , pode
ser aproximadamente 1 gr por cada 15 cm. cúbicos de auga, ten que quedar algo viscoso pero non en exceso. O inconveniente destas colas é que ó arrefriarse solidifícanse e estrágase a mestura, polo que hai que manter a calor ó baño María durante todo o proceso do encolado. Por suposto é importante preparar soamente a cantidade aproximada que imos utilizar, que, en xeral, non é moito, xa que rende bastante. O que nos sobre perderémolo, pois é difícil de conservar. Tamén hai que aplicalas cunha certa rapidez, para evitar que fragüe antes de rematar de unir as pezas. Se a superficie a unir é moi grande, podemos retrasar algo o arrefriamento quentando as pezas, achegándoas ó lume, unha estufa, con precaución, ou cun secador de pelo. Aplícase cunha brocha pequena ou un pincel. Límpase con auga quente, e aínda sólidas as colas disólvense ben, polo que ás veces é posible empregar calor para separar as unións.Cola de coello |
Para instrumentos musicais interésannos colas que cristalicen de xeito ríxido. As colas máis flexibles absorben as vibracións polo que prexudican o son do instrumento.
As colas animais máis comúns son a Cola de Peixe, que está feita con peixe, hai quen dí que a mellor é a de esturión, e é de gran calidade, mais tamén é máis cara, non é necesario o baño María, pero hai que manter a auga quente ou preparar pequenas cantidades, preséntase en pó ou láminas. A Cola de Coello, feita con despoxos deste animal (ainda en moitos sitios véndese baixo éste nome colas doutros animais ou mesturas deles), é máis económica e tamén de boa calidade, aínda que non cristaliza tanto como a de peixe. A mestura con outras substancias, como por exemplo resinas, xeran unha ampla gama de colas para diferentes usos. Unha delas é a chamada Cola Forte, moi resinosa, polo que é moi axeitada para instrumentos musicais. Estas colas son doadas de atopar en tendas de Belas Artes e Restauración.
Aínda máis adecuada para instrumentos é o Hideglue, que é unha variante máis refinada da Cola Forte, e emprégase en Luthería, é máis cara. Esta pódese atopar nalgunha tenda de instrumentos e luthería (como por exemplo Parramón en Barcelona) ou en tendas de restauración, pero algo máis especializadas (como ‘El Rincón del Restaurador’, tamén en Barcelona).
Outras colas animais son : A Cola de Flandes, feita con despoxos de cabra e ovella ou A Cola de Osos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!