Hoxe nesta entrada vou deixar un vídeo que montei coa miña selección de esculturas que este ano puiden ver nas feiras da Semana da arte en Madrid: Arco, Art Madrid e Just Madrid. Esta é unha selección, a miña selección, segundo os meus criterios estéticos, o que máis me gustou, o que me fixo reflexionar, o que me chamou a atención, por innovador, polo seu discurso, polos materiais empregados, etc. Como poderedes ver hai moita figuración, formas oníricas que che trasladan a unha linguaxe de sátira social e crítica á sociedade de consumo, a linguaxe do cómic ou a viñeta, como no pop art. Como materiais poderedes ver que a madeira cada vez ocupa máis espazo, en definitiva desde hai uns anos vese unha tendencia do abandono da abstracción e unha volta á representación do individuo, e do mundo animal e a natureza, ou polo menos é polo que apostan as galerías nestas feiras. Quizá facendo unha reflexión desde o confinamento isto lévenos de novo a poñer no centro o realmente importante, poñer en valor a fraxilidade da nosa contorna e facer unha crítica cara á nosa maneira de posicionarnos en sociedade. Non sei, cada un que elabore a súa propia lectura e se vos apetece encantaríame que deixásedes algún comentario, que se xerase un pequeno debate, esa é a intención. Non quedemos simplemente co estético, a arte achéganos moito máis que iso, como comentamos en clases, simplemente hai que eliminar capas e sacar nosas propias lecturas e conclusións. Que o gocedes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!