mércores, 6 de maio de 2020

Cadernos atopados: Arqueoloxía [DEBUXO]

Un tema que me parece apaixonante, e que moitas veces quixen investigar, é o dos tesouros debuxísticos que pasan desapercibidos, pequenas xoias artísticas descoñecidas que se perden na historia da arte entre as grandes obras que se escriben con maiusculas.
Xoias de artistas descoñecidos, outros esquecidos, outros e outras que ían ser pero non foron polas circunstancias vividas ou o contexto; ou ben, pezas de grandes artistas que foron consideradas "obra menor" por tratarse de debuxos ou bocetos. Libretas, pequenos debuxos que aparecen nun caixón e que resultan ser non só pequenos anacos da historia senón verdadeiras obras de arte.

Nos meus anos como mestre de debuxo chegaron ás miñas mans dous exemplos disto que vos comento que darían para indagar máis nestas historias narradas a través do debuxo:

PRIMEIRO EXEMPLO

Ano 1942. Un mozo vigués alístase na división azul e é enviado á fronte. Cando sae de Vigo en ferrocarril  leva unha pequena libreta no bolso da súa chaqueta. Nela comeza un diario escrito e debuxado. Esa libreta chega a Rusia, vive na trincheira e recolle nas pequenas páxinas a vida e os acontecementos vividos dese soldado. Rematada a guerra, regresa a Vigo e garda a libreta nun caixón. Non a volta a abrir, quere esquecer.
Anos despois, no ano 2009, un alumno de debuxo da EMAO, sobriño daquel mozo soldado xa falecido, aparece na aula con este precioso documento. O caderno contiña moito texto nunha minúscula letra case ilexible e uns cantos debuxos a cor en acuarela e plumiña. Escenas de soldados. Un francotirador agochado nunha árbore, unha enfermeiría con soldados feridos deitados nos leitos... que dan conta da barbarie vivida.

Non conservo ningunha imaxe deste diario de guerra do soldado galego pero temos exemplos de libretas de debuxo na fronte. Neste caso dun soldado americano, Victor A. Lundy, que desempoou estes cadernos despois de 70 anos. Estas libretas son un documento gráfico da guerra marabilloso.

DEBUXOS DE LUNDY







Máis coñecidos son os cadernos de guerra de artistas das vangardas que loitaron na guerra do 14. Por exemplo André Maré. O artista cubista deixou unha colección de libretas de debuxos da guerra sobre todo realizados en tinta e acuarela, ademais de desenvolver os inicios dos estampados de camuflaxe para soldados.
No outro bando os expresionistas Max Beckmann ou Otto Dix, profundamente afectados polo vivido, deixaron constancia dos desatres da guerra desde unha perspectiva autobiográfica en debuxos de campo.

Outros moitos  artistas que loitaron nesta guerra  deixaron obra coa temática bélica.. Fernand Léger, Apollinaire, Braque, Max Ernst, Grosz, Gino  Severini... e un longo etc.
Cando estalou a Gran guerra artistas de vangarda  foron seducidos polo conflito. Acción, primeira liña, vangarda de combate, revolución. Marinetti denominou a guerra "A hixiene do mundo". Esa apocalipse purificadora tan desexada deixou rota a toda unha xeración.

CADERNOS DE MARÉ




DEBUXO DE BECKMANN

A canle Knie. 1915

SEGUNDO EXEMPLO


Os familiares da muller de Gerardo, que fora alumno de debuxo, baleirando unha casa familiar, nun estante entre libros atopan dúas libretas. Están datadas na década dos 80 do século XIX e conteñen debuxos de campaña en África. Ao parecer pertencían a un afastado familiar que fora militar e estivera destinado en Marrocos. Os cadernos son pequenos, así como os debuxos. Realizados en tinta, pluma e lapis, son unha delicia. Un deses tesouros que non ten valor económico pero sí artístico e sentimental. O seu autor, un militar galego cunha gran sensibilidade e destreza para o debuxo e que posiblemente as circunstancias non lle permitiron dedicarse á arte. Nestes cadernos deixa constancia do seu gran potencial.  Conservo estas imaxes grazas a que Gerardo tivo a amabilidade de deixarme estes tesouros uns cantos días e puiden escanealos no ano 2016.

CADERNOS DE ÁFRICA







De África son coñecidos os cadernos de viaxe de Delacroix que fixera entre 1832 e 1833. O pintor romántico recolle nestes cadernos o exotismo africano. Un documento exquisito, íntimo e unha crónica do seu tempo a través do debuxo. Posiblemente uns dos primeiros cadernos de viaxe da historia da arte.
Apuntar como cronista da guerra de África en 1860 ao pintor naturalista Mariano Fortuny, que nos deixou tamén uns fantásticos debuxos da loita.

CADERNOS DE DELACROIX




DEBUXOS DE FORTUNY





Estes tesouros atopados, estas libretas ou cadernos que son documentos gráficos íntimos dun momento, teñen algo especial, porque acompañaron o autor neses intres inesquecibles. Nós os observadores fetichistas cando vemos eses obxetos somos quen de empatizar cos autores e trasladarnos aos seus contextos, como se eses debuxos e cadernos resultasen ser unha máquina do tempo e que coa observación do trazo te situases co autor nese espazo-tempo ao seu lado, na súa man.

Remato con unha muller. Agora imos á Biblioteca Nacional a explorar un dos seus tesouros dixitalizados. Natalia, alumna do grupo superior, nese esforzo por facer arqueoloxía no debuxo atopa nun caixón do ordenador e da rede unha desas xoias que grazas á tecnoloxía non se vai esquecer. É dunha muller, María Luisa de Orleans,  e do seu mestre Israël Sivestre (atribuído ao mesmo en 2017 por Noelia Muñoz). Trátase dun caderno de aprendizaxe no que o mestre fai un debuxo para que a nobre alumna o copie. É un fantástico documento para entender o método de ensinanza-aprendizaxe do debuxo na época (arredor de 1670).


Casada con Carlos II, o último Habsburgo español, foi máis coñecida por non ter descendencia co rei. Morreu moi nova, con 27 anos, pero deixou para a historia uns debuxos que hoxe rescatamos do caixón da Biblioteca Nacional e que probablemente realizou antes de ser raíña.



Podedes acceder a todo o caderno neste enlace

Quero animarvos tamén a que busquedes e rescatedes dos caixóns esas xoias-debuxos, ben familiares ou como este último caso recollidos dunha biblioteca como a Nacional e cunha historia ben bonita. Na exposición realizada dos 130 anos da EMAO recordo debuxos de alumnado dos anos 30, 40... rescatados dos caixóns. En concreto recordo uns debuxos da nai de Rafa, o noso director, que foi alumna da Escola por esa época e que eran unha delicia....Veña ... a buscar.

4 comentarios:

  1. Que tema tan apaixonante, encantoume. Parabéns!!!

    ResponderEliminar
  2. Ti sabes moito de arqueoloxía tamén...os tesouros de biblioteca atopados estes anos son un exemplo. Grazas MJ

    ResponderEliminar
  3. Buenísimo artículo!!
    Mis felicitaciones, profe.👏👏

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas mil..agardo as vosas aportacións. A ver se atopamos tesouros

      Eliminar

¡Anímate a participar cos teus comentarios!