GUÍA BREVE SOBRE
AS XEMAS MÁIS EMPREGADAS (PARTE III)
CALCITA
A Calcita é un mineral xenérico, é carbonato cálcico, a súa dureza é 3.
Por ser tan brando non se emprega moito en xoiaría, pois pode raiarse con facilidade ou romper.
A Calcita é un mineral xenérico, é carbonato cálcico, a súa dureza é 3.
Por ser tan brando non se emprega moito en xoiaría, pois pode raiarse con facilidade ou romper.
Atópase en múltiples cores: avermellada, rosa, amarela, verdosa, azulada, lavanda, marrón ou negra; todo debido ás distintas impurezas, pero cando é pura é branca ou incolora.
Tamén varía de transparente a translúcida ou a opaca, e o seu brillo é vítreo.
As tallas máis habituais son o cabuxón e en distintas formas de conta.
CIRCÓN
O circón é unha xema transparente e brillante que se atopa en diversas cores: vermella, amarela, parda, laranxa, violeta, verde e azul. As máis comúns son a gris parda e a vermella parda, pero a máis valorada é a amarela dourada, pois é transparente é moi escasa.
O circón de maior calidade atópase en Camboia, Tailandia e Vietnam.
Esta pedra ten unha dureza que pode ir de 6.5 a 7.5; é tan dura e resistente como o granate, e ademais ten un brillo adamantino como o diamante, con cores moi atractivas.
Moita xente confunde o circón coa circonita (circonia cúbica), que é unha pedra sintética non natural,
e por iso existe un certo receo con esta bonita pedra.
O circón ten unha forte birrefrinxencia, así que observándoo a través da táboa da talla apreciamos o desdobramento das facetas do pavillón.
CUARZO
O cuarzo é un dos grupos xemolóxicos máis grandes, e un dos máis empregados tamén.
A variedade cristalina ofrece un amplo abano de xemas económicas e algunhas con inclusións moi notables.
Os cuarzos atópanse con moita variedade de cores, tamén poden aparecer con distintos efectos ópticos, como o asterismo e o ollo de gato, e poden ir dende xemas moi transparentes a translúcidas ou opacas. A súa dureza é 7, e ten un brillo vítreo non moi lustroso.
Todos estes cuarzos poden atoparse en tallas facetadas, cabuxón ou contas.
Imos tratar os cuarzos cristalinos máis comúns.
A estes tipos de cuarzos pertencen a Ametista e a Aventurina,
que xa a tratei por separado na parte I desta serie.
Atoparédelas
CRISTAL DE ROCHA
cristal de rocha |
O Cristal de rocha é un cuarzo transparente, pero non ten nin a dureza nin o brillo do diamante.
O de alta calidade parece unha masa de xeo transparente.
É unha xema abundante, atópase en África, Australia, Brasil, Xapón, Myanmar e España.
Cando o cuarzo é máis branco denomínase cuarzo leitoso, debido a inclusións de burbullas de gas e líquido, neste caso pode ser máis translúcido ou opaco. Non é un cuarzo moi valioso.
cuarzo leitoso |
CUARZO TURMALINADO
O cuarzo turmalinado é aquel que ten inclusións de agullas de turmalina negra ou verde,
creando esas composicións tan chamativas, impactantes e atractivas, normalmente comercialízase en cabuxón ou en contas.
CUARZO RUTILADO
Este cuarzo ten inclusións de finas agullas de rutilo de cor amarela ou dourada, e
por esta característica tamén se lle chama "cabelo de Venus ou Anxo".
Este é un cuarzo precioso e moi atractivo,
que normalmente se comercializa facetado ou en cabuxón.
CUARZO AFUMADO
Este belo cuarzo ten unha cor suave de ton pardo amarelo, cor café ou chocolate intenso ou cor antracita. É unha xema abundante que se atopa en tamaños grandes, así que é económica.
Comercialízase facetada, en cabuxón ou en contas.
CUARZO ROSA
As cores do cuarzo rosa van dende un rosa pálido ata un rosa melocotón máis intenso,
na maioría aprécianse inclusións que lle dan un aspecto de néboa no interior semellante ao cuarzo leitoso.
É difícil encontrar material xemolóxico desta pedra limpo e de cor intensa, así que ese será o máis caro. O normal é atopalo en cabuxón ou en contas. Nesta variedade tamén aparece o asterismo, revalorizando a xema.
PRASIOLITA
A Prasiolita é é unha variedade de cuarzo de cor verde transparente ou translúcida. De maneira natural atópase en minas en Brasil pero tamén se consegue e comercializa por un procedemento térmico quentando ametista, e por iso se coñece tamén como ametista verde.
Atopámola facetada, en cabuxón ou en conta.
CITRINO
É un cuarzo amarelo, atópase en cristais grandes e é abundante, a súa cor abrangue dende un amarelo limón suave ata un ton amarelo ámbar como o Citrino de Palmeira. A cor máis común é a amarela dourada. Canto máis escuro máis valioso será.
CUARZO OLLO DE GATO
Este cuarzo denominado así polo efecto óptico que ten en forma de banda lumínica móbil,
é escaso pero pode atoparse en cor verde amarela, amarela parda ou en gris.
Ten un brillo suave e sedoso e obviamente comercialízase en talla cabuxón.
CUARZO OLLO DE TIGRE
Este cuarzo é de cor amarela, amarela dourada e marrón combinadas en franxas,
este brillo sedoso e móbil é producido polo crecemento paralelo de fibras na súa estrutura.
CUARZO OLLO DE BOI
O ollo de boi é como o anterior pero a súa cor non é amarela senón que combina os marróns con bandas avermelladas ou pardo vermellas.
CUARZO OLLO DE FALCÓN
É similar aos anteriores peró é mais escuro e combinando cores azuis, azuis verdosas a negro.
Tamén produce o mesmo efecto óptico vibrante.
Nesta serie de artigos estamos a tratar as xemas máis empregadas na ourivaría,
é unha formación complementaria e ligada ao engaste.
Debemos coñecer, diferenciar e aprender a traballar coas distintas pedras para conseguir que luzan o mellor posible na peza na que as engastemos.
Espero que vos guste e vos inspire!! ;D
Ningún comentario:
Publicar un comentario
¡Anímate a participar cos teus comentarios!