xoves, 2 de abril de 2020

A requinta da Ulla [CAIM GAITA]






A requinta é un tipo de frauta traveseira típica de Galicia, máis especificamente das Terras do Ulla. Naceu como instrumento de acompañamento de formacións típicas de música tradicional con gaita, bombo e tamboril. A súa construción é artesanal, e a madeira empregada nas requintas vellas atopadas adoita ser o buxo, aínda que non é infrecuente atopar, doutras moito máis cativas como a hedra. Na actualidade empréganse na súa construcción as mesmas madeiras que na gaita. Está composta de cinco pezas aneladas en alpaca, latón, ou ás veces en prata. A primeira peza leva a embocadura e o tapón de afinación, e a derradeira adoita levar unha chave que aumenta o cromatismo do instrumento, e resulta fundamental para compensar as notas na terceira oitava.

A principal afinación das requintas da Ulla era o fa sostido, para poder servir de acompañamento ás gaitas afinadas en si natural, aínda que tamén se atoparon requintas afinadas en sol, para acompañar gaitas afinadas en do natural. O xeito máis común de tocar era unha  por riba da gaita, e cando coinciden dúas requintas, facendo unha mesma melodía en terceiras paralelas. A súa dixitación ven condicionada polo feito de que hai que tocar nunha escala de Si natural nun instrumento orixinariamente afinado en Fa e retocado para levalo ao Fa#. Así, a dixitación está pragada de tranquillas, posturas entrecruzadas dos dedos que se empregan para obter as notas desexadas.

Os recursos de ornamentación de que fan uso os requinteiros son moi diversos, e só están limitados pola súa imaxinación e pola súa capacidade técnica. Adoitan utilizar trinos longos sobre notas cadenciais, fraseos picados e contranpuntísticos. O feito de que se atopasen pezas compostas para dúos e tríos de requintas sen gaita é unha proba de que este instrumento non foi nunca menosprezado en favor da gaita, en contra do que se puidese pensar. De feito hai evidencias de grupos compostos exclusivamente por requinteiros.


Hoxendía a requinta está xa extendida por todo o territorio de Galiza, con variantes inherentes a súa lóxica evolución, mais tonalidades, mais chaves, etc.

No ano 2017, publicouse un libro-cd que reúne en máis de 80 partituras transcritas, o primeiro cancioneiro de música do repertorio dos grupos tradicionais que empregaban nas súas formacións a requinta da Ulla, traballo feito por Rafael Carracedo Crespo na editorial Embora e coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Anímate a participar cos teus comentarios!